Tal e como se refería na entrada anterior, a utilización das bandas adicionais reservadas á utilización do espectro por radioafeccionados conleva a superación dun exame, no que se certifica que o futuro radioafeccionado ten un mínimo de coñecementos de manexo dunha radio, un mínimo de coñecementos de electrónica de comunicacións e un coñecemento básico da normativa relacionada coas telecomunicacións.
A organización e loxística relacionada con ese exame depende da Secretaría de Estado para o Avance Dixital, que depende nestes momentos do Ministerio de Economía e Empresa.
O exame deberá ser realizado nas instalacións da Xefatura de Telecomunicacións da provincia onde resida o solicitante (en condicións xerais). O listado das Xefaturas, xunto cos datos de contacto de cada unha delas, pódese consultar no sitio web da Secretaría de Estado para o Avance Dixital.
A realización do exame leva consigo o pago das correspondentes taxas (23,44 € para o ano 2018), xunto coa entrega electrónica dun formulario que se pode encher desde o explorador web utilizando certificado electrónico dixital FNMT ou sistema cl@ve; máis información neste enlace.
O temario do exame, así como a súa estrutura, pode consultarse aquí (en galego) ou aquí (en castelán).
Unha vez aprobado o exame, deberase aboar a taxa de autorización administrativa de radioafeccionado (113,23 € para o ano 2018). Tras aboar a taxa, e pasados uns días, recibirase unha notificación da Xefatura Provincial de Telecomunicacións co indicativo asignado. Poden parecer moitos cartos, pero é un único pago e serve para toda a vida.
En futuras entradas irase desenvolvendo cada punto do temario do exame. Por razóns de simplicidade, evitando posible diverxencia terminolóxica, e dado que o exame vén dado só en castelán, o desenvolvemento do temario será só en castelán.