Radioafeccionados e espectro radioeléctrico

Temario do exame de radioafeccionado

Ao longo das próximas semanas, iranse habilitando os enlaces a cada tema. Dado que o exame só está dispoñible en castelán, o temario tamén virá escrito nesa lingua.

Primeiro exercicio.- Electrónica e comunicacións

Tema 1. Teoría da electricidade, electromagnetismo e radio
Condutividade. Fontes de electricidade. Campo eléctrico. Campo magnético. Campo electromagnético. Sinais sinusoidais. Sinais non sinusoidais. Sinais moduladas. Potencia e enerxía. Procesado dixital do sinal (DSP)

Tema 2. Compoñentes
Resistencias. Condensadores. Bobinas. Transformadores. Díodos. Transistores. Outros compoñentes.

Tema 3. Circuítos
Combinación de compoñentes. Filtros. Fontes de alimentación. Amplificadores. Detectores e demoduladores. Osciladores. Circuítos sintetizadores de frecuencia (PLL). Circuítos con procesadores dixitais de sinal (DSP).

Tema 4. Receptores
Tipos de receptores. Diagramas de bloques. Operación e funcionamento das principais etapas de recepción RF. Características dos receptores.

Tema 5. Transmisores
Tipos de transmisores. Diagramas de bloques. Operación e funcionamento das principais etapas de transmisión RF. Características dos transmisores.

Tema 6. Antenas e liñas de transmisión
Tipos de antenas. Características das antenas. Liñas de transmisión.

Tema 7. Propagación
Atenuación. Propagación. Frecuencias. Parámetros de propagación de ondas electromagnéticas.

Tema 8. Medidas
Medidas de corrente e tensión. Equipos de medida.

Tema 9. Interferencia e inmunidade
Interferencia en equipos electrónicos. Causas de interferencias en equipos electrónicos. Medidas contra as interferencias.

Tema 10. Seguridade
Precaucións. Instalacións eléctricas. Proteccións.

Segundo exercicio.- Regras e procedementos de operación nacionais e internacionais

Tema 11. Alfabeto radiofónico (ou fonético) internacional
Códigos para o deletreo. Letras e cifras.

Tema 12. Código Q
Grupos do código Q, con énfase naqueles máis utilizados no servizo de afeccionados.

Tema 13. Abreviaturas
Abreviaturas máis usuais nas comunicacións de afeccionados.

Tema 14. Sinais internacionais de socorro, urxencia e seguridade, tráfico de emerxencia e comunicacións en caso de desastres naturais
Sinais radiotelegráficos e radiotelefónicos de alarma, socorro, urxencia e seguridade. Emprego en caso de catástrofes naturais. Bandas de frecuencias atribuídas ao servizo de afeccionados para tráfico de emerxencia.

Tema 15. Distintivos de chamada
Identificación das estacións radioeléctricas de afeccionado. Uso e composición dos distintivos de chamada. Prefixos nacionais.

Tema 16. Plans de bandas da IARU
Plans de bandas da IARU. Obxectivos que se perseguen en ditos plans.

Tema 17. Responsabilidade social do radioafeccionado
Código de actuación do radioafeccionado. Código de conduta do radioafeccionado. Procedementos operativos.

Tema 18. Regulamentación nacional e internacional sobre o servizo de radioafeccionados e radioafeccionados por satélite
Parte A. Regulamentación nacional sobre radioafeccionados. Regulamentación da CEPT. Regulamentación da Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT).
Parte B. O Cadro Nacional de Atribución de Frecuencias (CNAF). A regulamentación de radioafeccionado dentro do CNAF.

Tema 19. Inspección e réxime de sancións
Órganos competentes en materia de inspección e réxime de sancións. Infraccións leves. Infraccións graves. Infraccións moi graves.

Anexos
Prefixos nacionais dos países do mundo.

Radioafeccionados e espectro radioeléctrico

Sobre a licenza de radioafeccionado

Tal e como se refería na entrada anterior, a utilización das bandas adicionais reservadas á utilización do espectro por radioafeccionados conleva a superación dun exame, no que se certifica que o futuro radioafeccionado ten un mínimo de coñecementos de manexo dunha radio, un mínimo de coñecementos de electrónica de comunicacións e un coñecemento básico da normativa relacionada coas telecomunicacións.

A organización e loxística relacionada con ese exame depende da Secretaría de Estado para o Avance Dixital, que depende nestes momentos do Ministerio de Economía e Empresa.

O exame deberá ser realizado nas instalacións da Xefatura de Telecomunicacións da provincia onde resida o solicitante (en condicións xerais). O listado das Xefaturas, xunto cos datos de contacto de cada unha delas, pódese consultar no sitio web da Secretaría de Estado para o Avance Dixital.

A realización do exame leva consigo o pago das correspondentes taxas (23,44 € para o ano 2018), xunto coa entrega electrónica dun formulario que se pode encher desde o explorador web utilizando certificado electrónico dixital FNMT ou sistema cl@ve; máis información neste enlace.

O temario do exame, así como a súa estrutura, pode consultarse aquí (en galego) ou aquí (en castelán).

Unha vez aprobado o exame, deberase aboar a taxa de autorización administrativa de radioafeccionado (113,23 € para o ano 2018). Tras aboar a taxa, e pasados uns días, recibirase unha notificación da Xefatura Provincial de Telecomunicacións co indicativo asignado. Poden parecer moitos cartos, pero é un único pago e serve para toda a vida.

En futuras entradas irase desenvolvendo cada punto do temario do exame. Por razóns de simplicidade, evitando posible diverxencia terminolóxica, e dado que o exame vén dado só en castelán, o desenvolvemento do temario será só en castelán.

 

Radioafeccionados e espectro radioeléctrico

Sobre a utilización da SDR no espectro radioeléctrico

A raíz das preguntas e dúbidas que lles xurdían á xente que pasaba polo noso posto na OSHWDem 2018, convén aclarar varios puntos:

Primeiro. Unha plataforma SDR, como intentabamos transmitir desde o posto, permite transmitir e recibir en todo o rango de frecuencias para as que estea deseñada a súa interface RF.

Segundo. Que se poida transmitir e recibir nun rango maior ou menor do espectro non implica que se poida actuar ao libre albedrío de cadaquén.

Terceiro. Está permitida a recepción de sinal en todo o espectro radioeléctrico.

Cuarto. A transmisión de sinal ao aire está regulada en todos os países mediante un conxunto de normativas de obrigado cumprimento. Para o caso de España, a normativa vén dada pola Lei Xeral de Telecomunicacións (Lei 9/2014, do 9 de maio, e sucesivas modificacións), cuxo texto pode consultarse no sitio web do Boletín Oficial do Estado, así como tamén por toda a normativa derivada e/ou aclaratoria de calquera dos puntos recollidos nesa lei. O non cumprimento da normativa conleva unha serie de sancións tipificadas nesa mesma lei.

Entón, pódese resumir todo o anterior en dous puntos: para recepción, non se vai ter problema algún; para a transmisión, vaise estar restrinxido á normativa.

As zonas espectrais onde pode transmitir calquera persoa son as bandas libres (no póster a continuación están marcadas coa cor verde). Sen embargo, a superación do exame de radioafeccionado abre a posibilidade á utilización dun conxunto adicional de bandas (no póster están marcadas coa cor vermella). O temario dese exame vai ser contido de sucesivas entradas neste sitio web.

Para a utilización de todas esas bandas é necesario cumprir coa normativa (insístese unha vez máis), e o tipo de transmisión que se poida realizar en cada unha das bandas vén recollido nas notas UN (Utilización Nacional) do CNAF (Cadro Nacional de Atribución de Frecuencias), sendo a versión do 2017 a máis actualizada nese tema.

Póster resumo do Cadro Nacional de Atribución de Frecuencias 2017

Agardamos que, deste xeito, queden algo máis aclaradas estas dúbidas.