Sin categoría

Conferencia en Teleco sobre SDR

A primeira das actividades (tamén gratuíta!) consiste nunha charla na cal Iago Gómez,  enxeñeiro de Gradiant, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, fará unha introdución ás plataformas SDR (Radio Definida por Software) e á súa aplicación na industria.

A charla será o mércores 19 de setembro de 2018 ás 13.00 no salón de graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, aproveitando as horas libres para actividades non-docentes. Esta conferencia será gravada e estará posteriormente dispoñible na web de Uvigo TV.

Gomez_Alonso_Iago_06.jpg

Iago Gómez obtivo o título de Enxeñeiro de Telecomunicación na Universidade de Vigo no ano 2009 e estudou a continuación o Mestrado de Aplicacións de Procesamento de Sinal en  Comunicacións. Dende o ano 2009 traballa en Gradiant onde liderou diversos proxecto de I+D relacionados co deseño e desenvolvemento de sistemas de comunicacións sobre hardware (FPGAs) e plataformas SDR. Na actualidade ostenta o cargo de responsable de UAS (Unmanned Aerial Systems) en Gradiant.

Vídeo charla

Nesta ligazón pódese ver o vídeo da charla e nestas  recollemos as novas publicadas no Diario da Universidade de Vigo e en GCiencia.

PDF Presentación

E aquí tedes o PDF da presentacion de Gradiant sobre SDR.

CartelSDRH.png

Sin categoría

Sobre o proxecto

Este proxecto pretende achegar unha tecnoloxía recente do mundo das Telecomunicacións chamada SDR a estudantes de enxeñaría e ciclos formativos das ramas técnicas, profesionais noveis e outras persoas que estean interesadas no mundo da tecnoloxía e da electrónica, coñecidas estas últimas tradicionalmente como a comunidade de “makers”.

SDR son as siglas de “Software Defined Radio”, radio definida por software. Este vén a ser un sistema de telecomunicacións onde gran parte das funcións de procesamento dos sinais transmitidos e recibidos se executan sobre un procesador, de aí o nome de “software defined”. O incremento da potencia dos procesadores durante os últimos anos, a redución do seu tamaño, peso e consumo e a aparición de circuítos integrados de RF (Radio Frecuencia), así como o abaratamento do hardware, fixo posible que o uso desta tecnoloxía aumentase notablemente dende a súa definición a principios dos anos noventa. Hoxe en día non só se utiliza en investigación, senón tamén en sistemas comerciais, xa que permite un desenvolvemento rápido da idea ou produto e a súa actualización e mellora con tan só actualizar o programa que se executa no procesador.

A diferencia dos sistemas tradicionais, onde a configuración da radio dependía puramente en configuracións do hardware, as SDRs permiten unha gran flexibilidade, dando lugar a modificar parámetros de funcionamento sobre a marcha, como banda de frecuencia, estándar de comunicación usado, modulacións, estándar, ancho de banda… De acordo con recentes estudos, o mercado da SDR crecerá a un ritmo dun 8,63 % anual no período 2017-2022, o que demostra a importancia desta tecnoloxía, que xogará un papel importante nas redes 5G, na Internet das Cousas (IoT) e nas redes de sensores.

Este proxecto consiste nunha charla divulgativa sobre SDR para realizar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e uns obradoiros de dous días de duración (faranse dúas sesións) que se impartirían no local que a Asociación Tecnolóxica A Industriosa ten na cidade de Vigo. Neste obradoiros os asistentes aprenderán os fundamentos teóricos desta tecnoloxía e poñeranse mans á obra realizando pequenos proxectos prácticos onde crearán diversos sistemas de comunicacións utilizando unhas placas SDR comerciais de baixo custo lanzadas recentemente ao mercado, chamadas Lime SDR Mini. Estes obradoiros serán impartidos por enxeñeiros de Telecomunicación que traballan con esta tecnoloxía e serán asistidos polo grupo promotor deste proxecto, que tamén está familiarizado con ela.

Sin categoría

Ola mundo!

Alá polo mes de maio comezaban as primeiras conversas informais entre varios mozos enxeñeiros dos centros de investigación atlanTTic e CINAE e algúns socios da Industriosa co obxectivo de organizar en Vigo unhas actividades divulgativas e formativas en torno a unha tecnoloxía que está medrando moito nos últimos anos, a Radio Definida por Software, coñecida polas súas siglas en inglés, SDR, (Software Defined Radio).

O resultado destas conversas é o proxecto “Iniciación á SDR” para o cal un grupo de seis mozos solicitamos unha subvención do programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia. Este proxecto contará coas seguintes actividades:

  1. Unha conferencia divulgativa sobre SDR titulada: “Introdución ás plataformas SDR e o seu emprego na industria” que dará o enxeñeiro de Gradiant Iago Goméz. (Mércores 19 de setembro ás 13.00 no salón de graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación en Vigo)
  2. Dous obradoiros de introdución á SDR con exemplos prácticos coas placas LimeSDR Mini. Cada obradoiro impartirase en dous días (tarde do venres e mañá do sábado): 28-29 de setembro e 5-6 de outubro no local da Industriosa na rúa Barcelona, Vigo. (Prazas limitadas)

De todas as actividades, que serán totalmente gratuítas, iremos falando nas seguintes entradas do blogue.